CRTVG

Buscar

As empresas galegas, en xaque ante os posibles atrasos e sobrecustos polo peche do canal de Suez

Publicado o 26/03/2021 14:35

O bloqueo do canal de Suez pode poñer en xaque a actividade dos portos galegos. Só no de Vigo, o 51 por cento dos alimentos exportados teñen como destino A China, e Suez é unha vía clave para chegar alí.

"É unha conexión vital, agora temos moito contacto coa China, exportamos moita alimentación, todo isto vai afectar, esperemos que sexa o menor tempo posible", explica Jesús Vázquez Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.

O encallamento do Even Given mantén detidos máis de 200 barcos cargados de mercadorías. Unha parálise no tráfico marítimo que repercute directamente en toda a cadea de subministro mundial.

Segundo Daniel Taboada, delegado en Vigo da navieira Noatum, trátase dun "colo de botella, un colapso, no que as navieiras terán que tomar a decisión sobre se proceder polo cabo de Boa Esperanza, en África do Sur, camiño a Europa". 

Algo que previsiblemente suporá falta de abastecemento, atrasos e recargos nos custos do transporte, e que afectará a gran parte do entramado empresarial. 

Olga Sevilla, responsable de área da empresa de loxística Grupo Alonso, di que "hoxe en día as empresas funcionan a penas sen stock". 

Os traballos para desencallar o cargueiro avanzan e xa están completados no 87 por cento, segundo un comunicado da autoridade do canal de Suez. Panamá, país de bandeira do megabuque, abrirá unha investigación sobre o accidente, mentres a propietaria e a aseguradora afrontan unha posible onda de demandas millonarias polas perdas e os danos ocasionados.

Noticias web

26/03/2021