CRTVG

Buscar

As empresas do sector TIC non encontran persoal cualificado

Publicado o 04/12/2018 16:54

Ao facer unha busca nos sitios web de emprego, as cifras son sintomáticas. Ofértanse milleiros de postos de traballo. Programación, consultoría e administración de sistemas son as áreas onde hai maior demanda. Por exemplo, en Galicia, e no resto de España, as empresas teñen dificultades para encontrar persoal cualificado en tecnoloxía Java.

Pablo Rodríguez, responsable de Formación de Hack a BOS: "Se non existen recursos humanos aquí, fabricámolos nós, porque ao final é posible. Desta maneira podemos reducir un GAP que hai entre o tempo que tes que estar na FP e na universidade, e as necesidades da empresa. En Galicia necesitamos preto de 1.000 persoas, e estamos formando 150, 200 depende do ano, que vai pasar coas 800 que nos faltan?"

No sector tecnolóxico, o mercado do traballo esixe perfís profesionais moi concretos. Para dar resposta a esta demanda xorden os bootcamps, formacións intensivas, moi especializadas, destinadas precisamente a cubrir postos en áreas tan específicas como, por exemplo, linguaxes de programación ou tecnoloxías de análise de datos.

"O mundo está empezando a ser tecnolóxico, cando as aulas, as tendas de roupa, as cafeterías sexan tecnolóxicas, quen vai facer iso? Necesitamos alguén que o faga, e ao mellor non só un millón, ao mellor necesitamos dous ou tres millóns, co problema engadido de que a roda comezou e xa non se pode parar, non podes dicir: imos parar o desenvolvemento tecnolóxico".

Nos últimos cinco anos, o emprego no sector das novas tecnoloxías mantén unha liña ascendente. Aínda así, o Cluster TIC de Galicia estima que no 2018, arredor dun 25 % das ofertas de traballo quedou sen cubrir, por falta de profesionais que se axustaran ao perfil demandado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/12/2018