CRTVG

Buscar

As empresas do Ceao afectadas polo incendio traballan para dispoñer axiña de novas naves

Publicado o 14/04/2021 14:19

As empresas do Ceao que perderon as súas naves queren deixar atrás o incendio e ollar cara ao futuro. A firma de pinturas onde se iniciou o lume, Castro Parga, ultima o alugueiro dunhas novas instalacións próximas a este polígono. Segundo os seus propietarios, a súa intención é conservar todos e cada un dos postos de traballo.

Antonio de Castro, copropietario de Pinturas Castro Parga: "O feito de salvar a fábrica e os stocks de pintura é fundamental. E o feito de termos doce tendas polo resto de Galicia fai que a importancia deste incendio, que é moita, sexa distinta. Ao mellor estamos falando dun 25 ou 35 por cento da facturación. O resto da facturación mantémola, e malo será que non aguantemos todos os postos de traballo. Ademais, a vontade dos traballadores é extraordinaria".

Avanza tamén a preparación da nova nave de Recambios Fraín, que xa estaba en construción. As futuras instalacións disporán dun innovador sistema contraincendios que extinguirá de inmediato calquera lume que poida prender en cada un dos seus compartimentos.

Francisco Dorado, dono de Recambios Fraín: "Onde se produce o incendio nunha roda, asperxe sobre esa roda directamente. E segurísimo e é practicamente imposible que se produza un incendio".

Pola súa parte, os bombeiros de Lugo continúan a traballar na zona, en concreto no almacén de pneumáticos arrasado polo lume, onde se seguen a concentrar altas temperaturas.

Francisco Otero, cabo dos bombeiros de Lugo: "O que intentamos agora é refrixerar e controlar ata que se extinga por si só, mentres non se poida empezar remover para ir sacando e refrixerando os materiais de abaixo".

Unha vez enfriada a nave de pinturas, a Policía Local de Lugo xa acordoou a zona para que a brigada xudicial da Policía Científica inicie a investigación das causas do incendio.

Noticias web

14/04/2021