CRTVG

Buscar

As empresas comezan a aplicar eres temporais

Publicado o 16/03/2020 23:12

Cinco fábricas de coches empezan a semana coa súa actividade paralizada en España.

A última en decidilo, Volkswagen, ante a falta de persoal e a imposibilidade de garantir a saúde dos traballadores.

Ford tamén acordou paralizar a produción da súa planta en Valencia. Despois de que tres dos seus sete mil empregados deran positivo nas análises do virus.

Seat, en Martorell, e tamén Renault e Nissan xa tiñan comunicado o peche das súas factorías por problemas na subministración de compoñentes.

Michelin anunciou que pecha as catro fábricas que ten en España a partir de mañá. A medida afecta a oito mil traballadores.

Navantia tamén suspendeu a súa actividade nas tres factorías da baía de Cádiz.

O sector turístico, o comercio, a educación e o aeronáutico preparan Erte. É o caso de Air Europa e Iberia, con máis de 16.000 empregados.

Pendente das medidas económicas que se aproben mañá no Consello de Ministros, a patronal pide ao Goberno que suspenda a obriga do pagamento das cotizacións por parte das empresas. Os sindicatos e os traballadores, protección por desemprego e controis que impidan despedimentos masivos.

Hai moita preocupación polo impacto económico nas pequenas e medianas empresas e entre os autónomos, que cifran perdas conxuntas de 18 millóns de euros.

Noticias web

16/03/2020