CRTVG

Buscar

As empresas auxiliares avanzan na compra de Barreras

Publicado o 31/10/2019 10:43

Avanzan as negociacións cara á compra de Barreras. O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, explicou esta mañá no Bos días os últimos pasos que están dando: "Nós estamos falando diariamente coa marioía dos axentes implicados, especialmente con Pemex, como socio maioritario. Agora mesmo acabamos de artellar unha posible solución mercantil, societaria, que é esa constitución dunha sociedade específica para esta problemática. Son máis de 30 industrias auxiliares do naval as que participan dela. E con isto tentaremos culminar esas negociacións que levamos días mantendo con Pemex, para conseguir o obxectivo de ter o control do 51 por cento do accionariado".

O que fixeron as 33 empresas implicadas na posible compra é constituir unha sociedade que sería a que se podería facer coa propiedade de Barreras, no caso de que Pemex decida a venda.

"É un paso máis que confirma a vontade clara da industria naval que quere construír eses buques. Queremos unha solución urxente, pero tamén amosar a vontade clara de buscar esa solución, porque a outra opción sería o concurso de acreedores", dixo Enrique Mallón.

O secretario xeral de Asime aproveitou para meterlle présa á quen ten que tomar a decisión da venda do estaleiro:

"Cremos na viabilidade, porque hai unha boa carga de traballo e un compromiso total de toda a industria auxiliar. O que falta é ter unha comunicación máis fluida cos accionistas do asteleiro, porque o ritmo vai lento, se o comparamos coas decisións que teñen que tomar cada día as industrias auxliares, incluso coa rescisión de contratos".

As posibilidades que as auxiliares ofrecen son dúas: adquirir as accións que posúe Pemex ou que a petroleira mexicana lle traspase temporalmente que os dereitos para poder xestionar Barreras.

"Nós ofrecemos que poderíamos xestionar o asteleiro adquirindo as accións, pero tamén obter os dereitos políticos desas accións se Pemex finalmente non decide a venda e durante un prazo xestionaríamos eses contratos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí