As empresas afectadas polo incendio no Ceao tratan de retomar a actividade
• O retén dos bombeiros mantense outras 24 horas no polígono
• A nave da rotativa do xornal 'El Progreso' sálvase do incendio de milagre
Tras o incendio de seis naves no polígono lugués do Ceao, as empresas afectadas tratan agora de volver á normalidade. Para atender os pedidos dos seus clientes, os negocios que saíron peor parados concentraron a súa actividade noutras sedes que teñen dispoñibles. Ao mesmo tempo, os que precisan novos almacéns están á procura deles. No caso particular da firma que perdeu tres naves, piden que se axilicen os trámites para que entre en funcionamento canto antes o seu novo almacén de pneumáticos.
Francisco Dorado, dono de Recambios Fraín: "A prioridade é poñer a andar outra vez o negocio. Perdemos unha parte importante do noso negocio, que son os penumáticos. Por suposto, primeiro temos que facer pedidos, que moitos son importados e tardan máis tempo en chegar, pero imos apurar o máximo posible para recuperar a normalidade. Todas esas rodas tiñamos pensado metelas nunha nave que temos en fronte, polo que apuramos un pouco máis a cousa e coa axuda do Goberno, da alcaldesa ou do delegado, activamos esta cuestión para poderlle dar uso".
Tocante ás empresas pendentes dos niveis de gases tóxicos, xa puideron volver ao traballo. Entre elas encóntrase un negocio de recambios de electrodomésticos que, malia estar rodeado de naves ardendo, quedou intacto.
Carlos Márquez, dono de Electrodomésticos De Pablo: "Axudáronnos varios factores. O vento, que cando as lapas era máis fortes ía cara ao nordeste. E logo, que temos a nave de Castro Parga detrás nosa, pero no medio hai un patio interior".
Para as empresas que o precisen, unha firma lucense xa ofreceu dúas naves de maneira altruísta.