CRTVG

Buscar

As eleccións municipais do domingo deixaron algún resultado rechamante

Publicado o 28/05/2019 21:04

A partir do vindeiro 15 de xuño, cando se constitúan as corporacións municipais saídas das urnas o pasado 26 de maio, catro alcaldes galegos gobernarán sen oposición. Será nos concellos ourensáns de Beariz, Quintela de Leirado e Vilar de Santos e no coruñés de Vilarmaior.

Non presidirán corporacións monocolor, pero tamén superaron o 80% dos votos os alcaldes de Ribeira de Piquín, Sarreaus, Ourol, Friol, Dumbría e Esgos.

Os tres alcaldes máis lonxevos de Galicia seguirán nos seus cargos catro anos máis. Os populares Senén Pousa, alcalde dende o 74, e José Antonio Pérez, alcalde dende o 76, seguirán á fronte das corporacións nos concellos de Beade e Quintela de Leirado. O socialista José Luis García, alcalde dende o 79, tamén mantén a maioría absoluta en Brión.

Este 26-M, dous históricos do PP, Xosé Crespo e Telmo Martín, devolvéronlle as maiorías absolutas ao seu partido en Lalín e Sanxenxo. Crespo recupera a alcaldía 4 anos despois e Telmo Martín, que accedeu de novo á alcaldía en 2017, consegue a maioría absoluta para o PP doce anos despois.

En Becerreá Manuel Martínez conserva a maioría absoluta aínda que con Galicia sempre, o partido que formou tras abandonar o PSdeG. A outra cara da moeda foi para o ex-socialista Pachi Vázquez que con Espazo Común foi a terceira forza no Carballiño.

O BNG fíxose coas alcaldías do Rosal e Vilar de Barrio, dous concellos onde pasaron de ser das forzas menos votadas a conseguir maiorías absolutas en só catro anos.

Pero este 26-M tamén deixou resultados máis axustados. É o caso de Negreira. Catro votos de diferenza déronlle a alcaldía ao candidato socialista Manuel Ángel Leis, que obtivo sete concelleiros fronte aos seis do PP.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/05/2019