As doazóns de órganos descenden en Galicia pola pandemia, aínda que menos ca a media española
En 2020 Galicia rexistrou 110 doadores de órganos, 26 menos ca o ano anterior. Con todo, é unha das 9 comunidades que, malia as dificultades derivadas da pandemia, superan os 40 doantes por millón de habitantes.
"Son 3 puntos por riba da media nacional, a pesar das difíciles circunstancias que rodean as UCI neste ano tan complexo", explica Marisa López, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
En total, o ano pasado realizáronse en Galicia 328 trasplantes, un 7 por cento menos ca en 2019. A cifra de transplantes de pulmón foi a máis alta na comunidade desde que comezou o programa. E destaca tamén o número de transplantes de corazón.
"Hai que destacar que a nosa comunidade acada a primeira posición no programa de transplante cardíaco", di Marisa López, que tamén felicita a unidade de transplante do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Desde que se realizou o primeiro no ano 81, fixéronse en Galicia un total de 8.623 transplantes de órganos e rexistráronse preto de 3.000 doadores. Actualmente, 8 de cada 10 familias galegas din si á doazón. Un acto altruísta que salva vidas.