CRTVG

Buscar

As disputas e desavinzas entre líderes provocan a repetición das eleccións

Publicado o 18/09/2019 09:12

España celebrará o próximo 10 de novembro as súas cuartas eleccións xerais en catro anos. A crónica das disputas e os desencontros entre líderes políticos deixaba onte o seu último episodio ao remate da rolda de contactos con Filipe VI, que finalmente non designa candidato ao non haber ninguén que reúna os apoios nececesarios para ser investido presidente do Goberno. Despois dunha xornada repleta de movementos tácticos, Sánchez pechaba a rolda de contactos co Rei, que constatou a ausencia das condicións necesarias.

Minutos despois comparecía na Moncloa o presidente do Goberno en funcións, e afirmaba que o tentou todo para conseguir un acordo: "Desgraciadamente, dúas forzas políticas conservadoras e unha de esquerdas decidiron bloquear a formación do goberno que as urnas reclamaron. Pedirémoslles aos españois que o digan aínda máis claro o 10 de novembro".

O líder socialista subliñou especialmente a responsabilidade de Unidas Podemos e insistiu en que aínda que o PSOE non desexaba unha coalición, foi flexible para buscar o acordo: "O señor Pablo Iglesias vai camiño dun récord: nunca houbo en Europa un partido de esquerdas que vete catro veces en menos de cinco anos a formación dun goberno socialista", afirmou Pedro Sánchez. 

Iglesias responde en Twitter reprochando o veto persoal, botándolle culpa do fracaso á arrogancia do líder socialista e explicando que a repetición electoral é un erro histórico.

"O PSOE demostrou nas últimas horas que prefire a Ciudadanos".

Nos corredores do Congreso, a maioría dos reproches son para Sánchez.

Gabriel Rufian, de  ERC, afirmou que "Sánchez di que o tentou por todos os medios. Se di a verdade é un incompetente, se mente é un irresponsable".

Inés Arrimadas, de  C's, considera que "toda España ve que Sánchez quere eleccións e que escolle socios".

Pablo Casado, o presidente do PP pensa que foi "a crónica dun fracaso anunciado" e que é "o que Sánchez quería".

Aínda que tamén hai quen reparte a responsabilidade con Pablo Iglesias.

Aitor Esteban, o voceiro do PNV, di que "Podemos tamén ten a súa parte de responsabilidade, no sentido de que a súa inexperiencia é notoria, calcularon mal e pasáronse de freada".

Desde hoxe faltan 43 días para o inicio dunha campaña electoral que durará, oficialmente, unha semana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2019