CRTVG

Buscar

As denuncias por violencia de xénero medran un 3,6 % en Galicia tras o confinamento

Publicado o 30/11/2020 15:43

• Máis do 20 % das vítimas acolléronse ao seu dereito a non declarar

• Concedéronse 368 ordes de protección das 595 solicitadas

As denuncias por violencia de xénero medran un 3,6 % en Galicia tras o confinamento

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre do ano 1.767 denuncias por violencia de xénero, un 3,6 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.705.

A gran maioría das denuncias (1.397) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. O número de mulleres que aparecen como vítimas tamén medra, pois entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2020 contabilizáronse 1.764, fronte ás 1.525 do ano pasado nas mesmas datas, o cal supón un crecemento do 15,7 %.

Para analizar os datos cómpre ter en conta a incidencia da crise da covid−19 na Administración de Xustiza, sobre todo nos meses anteriores ao período analizado, os máis afectados pola declaración do estado de alarma. Como consecuencia da fin do confinamento e o levantamento da suspensión dos prazos procesuais, no terceiro trimestre do ano rexistrouse un aumento interanual na maior parte dos indicadores que miden a actividade dos xulgados na súa loita contra a violencia de xénero.

Galicia, con todo, segue manténdose como unhas das comunidades coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, cun cociente de 12,6 persoas, fronte ás 17,2 de media estatal.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia medraron os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. Se no terceiro trimestre de 2019 optaron por esta opción 84 mulleres, este ano fixérono 364, e iso supón o 20,6 % das vítimas, un 333,3 % máis que en 2019.

Durante o terceiro trimestre do ano solicitáronse 595 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade autónoma, fronte ás 536 de 2019. Iso supón un aumento do 11 %. Das 595, adoptáronse 368, un 62 %.

Condenas no 88 % dos casos

O 88 % das 233 persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenadas. Este dato sitúa a comunidade autónoma por riba da media estatal, que foi do 75,12 %. No período estudado, axuizouse un menor por este tipo de delitos.
 
O número de vítimas menores tuteladas durante o trimestre analizado foi de nove. Este indicador permite coñecer o número de fillos e fillas menores das mulleres maltratadas que son tamén vítimas da violencia machista.