CRTVG

Buscar

As defensas dos acusados no xuízo do 'procés' admiten a desobediencia pero non a rebelión

Publicado o 12/06/2019 10:17

O xuízo do 'procés' quedará hoxe previsiblemente visto para sentenza. Unha vez que as defensas rematen as súas alegacións finais, os doce procesados terán o dereito á derradeira palabra. Na sesión de onte, os avogados de sete dos acusados insistiron en que o sucedido no outono de 2017 en Cataluña pode constituír un delito de desobediencia, pero que non houbo nin rebelión nin sedición.

O avogado de Oriol Junqueras e Raül Romeva denunciou que se está xulgando unha ideoloxía, negou a acusación de rebelión porque a violencia foi illada, dixo, e apostou por unha solución política do conflito fóra dos tribunais.

Andreu Van den Eynde, avogado de Oriol Junqueras e Raül Romeva: "Aquí confúndese a desobediencia, que a podemos discutir, coa rebelión. Temos dous coches rotos e falan de apocalipse. A xente non saíu á rúa a derrocar o Estado, a xente saíu un día protestar e outro día votar. Temos que devolverlle a pelota á política, eu creo que isto é unha cousa interesante que pode facer a sentenza".

Distinta estratexia tivo o avogado de Joaquim Forn, que se centrou en desacreditar o delito de rebelión. Javier Melero admitiu a desobediencia, pero nada máis. Asegurou que nin houbo violencia nin declaración de independencia.

Javier Melero, avogado de Joaquin Forn: "O Goberno non efectuou ningunha declaracion de independencia, digan o que digan eles, isto dedúcese da proba documental obrante, e igual a interpretación política non é da nosa incumbencia".

O avogado de Sánchez, Rull e Turull, aos que chamou "xente de paz", negou que houbese ningún alzamento violento e só protestas e manifestacións.

Jordi Pina, avogado de Turull, Sánchez e Rul: "A violencia para acadar a separación dunha parte do territorio dun país, son cuspidelas, o lanzamento dun valo, tres pedras que caen sobre estanco".

Rematou a sesión o avogado de Carles Mundó e centrouse en desmontar a tese da malversación. Dixo que non se puido probar ningún gasto por parte da Consellería de Xustiza para organizar o referendo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/06/2019