CRTVG

Buscar

As testemuñas e as cámaras de seguridade, claves para dar cos que mallaron en Samuel

Publicado o 05/07/2021 14:19

EFE

Os feitos aconteceron sobre as tres da mañá na Avenida de Bos Aires da Coruña, hora de peche dos locais de ocio nocturno, cando Samuel Luis Muñiz, de 24 anos, recibiu unha brutal malleira por parte de varias persoas diante dunha discoteca situada na zona do paseo marítimo, supostamente, mentres falaba con alguén por videoconferencia.

O mozo foi trasladado ao CHUAC en estado crítico. Os médicos intentaron reanimalo durante preto de dúas horas, pero finalmente faleceu no hospital. A Policía Nacional asumiu a investigación do caso. Entre outras cousas, os efectivos recabaron infomación grazas ás testemuñas dos feitos, a revisión dos rexistros de clientes dos locais de ocio nocturno próximos, que son obrigatorios debido ás medidas de seguridade pola pandemia, e a análise das gravacións das cámaras de seguridade da zona para tratar de identificar as persoas implicadas no crime.

Os investigadores traballan coa hipótese de que todo comezou por unha confusión. Samuel participaba nunha videochamada co móbil ao mozo dunha amiga que estaba con el. Ao pensar que estaban a ser gravados, os atacantes comezaron a agredilo en grupo sen que este puidese explicarse e defenderse.

Os amigos do falecido e diversos colectivos tamén denunciaron que se trada dun crime homófobo, xa que Samuel, que traballaba como auxiliar de enfermería na institución benéfica Padre Rubinos, era homosexual.

Nunha mensaxe, o pai de Samuel agradeceu o cariño recibido e o labor dos efectivos de emerxencias que tentaron salvarlle a vida ao seu fillo. A xuíza instrutora do caso decretou o segredo de sumario.

Noticias web

05/07/2021