CRTVG

Buscar

As cotas a pemes e autónomos aprázanse seis meses

Publicado o 31/03/2020 16:13
As cotas a pemes e autónomos aprázanse seis meses

O Goberno aprobou unha moratoria de 6 meses sen intereses para o pago das cotizacións á Seguridade Social de autónomos e pemes, aínda que con algunhas condicións.

O Consello de Ministros decidiu aprobar este aprazamento de pago de cotas así como o do pago das súas débedas á Seguridade Social ata o 30 de xuño deste ano.

A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, sinalou na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo que ao aprazamento de seis meses do pago das cotas súmase a moratoria sen intereses no pago das cotizacións á Seguridade Social dos días traballados en marzo.

Á súa vez, a portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, resaltou que estas novas medidas de apoio ás empresas e autónomos para afrontar a crise económica provocada pola pandemia do coronavirus complementarán ás xa en marcha.

"Que as empresas sentan axudadas para o sostemento do tecido produtivo e os traballadores seguros tamén", dixo Montero, á vez que Calviño quixo mandar unha mensaxe de "apoio" a traballadores, empresas e autónomos, colectivos que "xogan un papel fundamental nesta emerxencia".

A vicepresidenta terceira, ademais, lembrou que hoxe se aprobou que todas as medidas económicas que non teñan un prazo de duración exacto prorrogaranse ata un mes despois do fin do estado de alarma.

Agradeceu a empresas e autónomos a acción "responsable" e o seu labor, xa que están a reaccionar "poñendo todo da súa parte", algúns con novos procesos de produción.

"Dou as grazas porque a súa actitude de hoxe é clave para a recuperación que esperemos ter canto antes", dixo.