CRTVG

Buscar

As costureiras de Camariñas confeccionan 15.000 máscaras

Publicado o 26/03/2020 20:46

A tradición do encaixe de Camariñas ponse de novo á disposición da cidadanía. Un grupo de 42 modistas que se dedican a incrustar o encaixe prestáronse voluntarias para cortar e coser 15.000 máscaras. 

"Eran moitas as persoas que chamaban para preguntar se no Concello tiñamos máscaras para poderlles dar. Puxemos a traballar ao departamento da mostra do encaixe e comprar unhas teas especiais", contounos a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

Esta rede de voluntarias traballa desde os seus fogares. Confeccionan máscaras de tea dobre para unha maior protección.

"Son unhas máscaras que non serven para uso sanitario, evidentemente, pero si para que, se algún veciño necesita baixar ao súper ou ir á farmacia, as poda usar. Antes de usalas hai que lavalas e alisalas ao vapor", dixo a alcaldesa.

Axentes da Policía Local de Camariñas e membros de Protección civil serán os encargados de repartir as máscaras entre os colectivos sociais máis vulnerables. O resto quedará a disposición dos veciños nos establecementos que aínda permanecen abertos ao público.

Noticias web

26/03/2020