CRTVG

Buscar

As conversas PSOE-Esquerra, pendentes da Avogacía do Estado

Publicado o 28/12/2019 20:55

O PSOE e Esquerra seguen reuníndose na busca dun acordo que permita o desbloqueo da investidura. Desde o PSOE, José Zaragoza, recoñeceu que se atopan máis cómodos pactando con Podemos e Esquerra que co PP. Desde os populares, Jaime de Olano dixo que Sánchez escapa das conferencias de prensa para non ter que explicar que concesións vai facerlle aos independentistas.

A conversas entre o PSOE e Esquerra non se interromperon nestas festas e onte volveron reunirse en Madrid, aínda que sen darlle publicidade ao encontro. Segundo o portavoz adxunto do PSOE no Congreso, o catalán José Zaragoza, os electores non deixaron gobernar en solitario aos socialistas, e estes teñen claro con quen prefiren pactar;


"O PSC e o PSOE están máis cómodos pactando con Unidas Podemos e con Esquerra Republicana ca nunha gran coalición co Partido Popular? Evidentemente, clarisimamente. É que son a antítese as políticas do Partido Popular: un partido condenado por corrupción".

Desde o PP din que isto amosa un PSOE que non quixo pactar nada con eles, e cualifican a de Sánchez como a xestión máis opaca da democracia. Acúsano de agocharse da prensa para non ter que falar das súas concesións.

"Sánchez non comparece para explicarlles aos españois que é o que está disposto a ceder ante os independentistas cataláns, que é o que está negociando con Junqueras, un condenado polo Tribunal Supremo por delitos graves".

O PSOE quere convocar xa o pleno de investidura, pero Esquerra condiciona iso ao escrito da Avogacía do Estado sobre Junqueras, sinalado para o 2 de xaneiro, e mais ao que a Xunta Electoral Central decida o día 3 sobre o propio Junqueras e Torra. De inhabilitar a este, son probables as eleccións catalás, que complicarían máis o diálogo con Esquerra.
 

Noticias web

28/12/2019