A constante chuvia en Galicia provoca o rebordamento de varios ríos
A chuvia das últimas horas está provocando rebordamentos en moitos ríos galegos. Arestora as enchentes aínda son pequenas, pero para mañá prevense aumentos de caudal importantes.
Na demarcación Miño-Sil hai arestora 8 ríos que van xa fóra da súa canle. O Miño, por exemplo, reborda ao seu paso polas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. O Arnoia e o Avia están dando problemas en varios concellos de Ourense. En Pontevedra rebordan o Tea e o Deva e en Lugo van máis que cheos o Ladra, o Cabe e o Labrada.
Segundo detallou o 112 Galicia, a Xunta mantén activo o Plan especial de risco por inundacións ante a suba do caudal do río Landro, en Viveiro (Lugo); o Mera, en Ortigueira (A Coruña); o Ouro, ao seu paso por Foz (Lugo); o Xubia, na localidade de San Sadurniño (A Coruña); o Mendo, en Betanzos (A Coruña); e o Mero e o Telva, en Cambre (A Coruña).
Tamén se prevé que poidan producirse enchentes no río Xallas ao seu paso por Santa Comba (A Coruña) e no Tambre, en Oroso e Val do Dubra (A Coruña), así como no Dubra neste último municipio. Tamén poderían rexistrarse nos ríos Furelos e Miñor, en Santiso (A Coruña) e Gondomar (Pontevedra). Segundo a información recibida a través dos sistemas de control e seguimento, estes ríos superaron os limiares establecidos tras presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poderían observarse enchentes puntuais nos mesmos.
Ademais, o 112 Galicia foi informado da situación dos cursos fluviais do río Maior en Bergondo (A Coruña), o Sar en Rois (A Coruña), o Cádavo en Fene (A Coruña) e o Valga no concello coruñés homónimo. Así mesmo, agrupacións de Protección Civil puxeron en marcha distintos operativos para comprobar a situación e revisar as zonas máis afectadas polas enchentes. Así, o centro de atención ás emerxencias chamou a cidadanía a incrementar a precaución, en especial en estradas e vías secundarias próximas a pontes ou torrentes dadas as dificultades que pode causar na circulación a subida repentina dos caudais.
Dende a pasada medianoite e ata as 8 da tarde recolléronse en Lousame 87 litros por metro cadrado. A provincia da Coruña é a que máis chuvia está recibindo esta tarde. Sobresaen os 71 litros de Boiro, ou os 62 de Santa Comba. En Rois caeron 58 litros e superaron os 50 na zona de Santiago, Padrón, Coristanco ou Val do Dubra. Na provincia de Lugo, onde máis choveu foi en Abadín, na Terra Chá, con 46 litros por metro cadrado.
Aviso amarelo por chuvia na provincia de Pontevedra
Aínda que finalmente caeu algo menos do que se esperaba, foi unha xornada de chuvia incesante e, por momentos, sobre todo pola tarde, de certa intensidade. Os ríos baixan ben cheos, como o Tea ao seu paso pola Freixa, en Ponteareas, pero afortunadamente non se produciron situación de perigo relacionadas con asolagamentos. Deixaron, iso si, imaxes de gran beleza en toda a provincia de Pontevedra.
No límite antes de bulir sen control, o Umia desprega unha estampa bucólica nesta xornada en que a estación de Caldas acumulou case 35 litros por metro cadrado en doce horas.
Ao sur, tamén estaba de foto a Ponte das Partidas, sobre o Tea. Aquí en Ponteareas o rexistro marcou 19 litros en doce horas, un cálculo afastado dos 67 da Estrada, á cabeza da provincia, dos case 39 da estación da serra do Suído e mesmo dos 27 de Vilagarcía. Pero a chuvia acumulada abondou para ter que precintar un dos accesos da praia fluvial da Freixa.
A alerta muda a laranxa na xornada do venres no litoral pontevedrés por mar de fondo do oeste e ondas de 5 a 6 metros. En terra, mandará o anticiclón que se irá abrindo paso nas horas vespertinas.
A Barbanza lidera as acumulacións de chuvia na Coruña
Foi unha xornada de moita chuvia en toda a provincia da Coruña, especialmente intensana Pobra do Carmiñal, que deixa consecuencias en forma de pequenas inundacións e algún que outro corte provisional de estradas.
Houbo outros puntos da Coruña, como Rois ou Santa Comba, onde se chegaron a recoller ata 60 litros por metro cadrado.Para as próximas horas a chuvia parece que vai dar unha tregua no interior na provincia. No Barbanza, mantense o aviso laranxa que afecta todo o litoral.
Pódese decir que non parou en todo o día. As intensas precipitacións chegaron a deixar case 70 litros por metro cadrado en zonas da Barbanza ou Santa Comba, pero case ningún concello coruñés estivo por baixo dos 30 litros. Protección Civil informa de numerosas incidencias provocadas nas estradas, en forma de pequenas inundacións e balsas de auga que dificultaron a circulación.
MeteoGalicia matén o aviso laranxa no litoral. No interior, as frontes que se sucederon nas últimas semanas vannos dar unha tregua. Manteranse os ceos cubertos pero con menos risco de precipitacións .
Reborda o río Maior, en Bergondo
A chuvia provocou o rebordamento do río Maior, en varias parroquias Bergondo. En Betanzos tamén hai risco de desprendementos nalgunhas estradas.
Encoros cheos na provincia de Lugo
É a imaxe este xoves do encoro de Belesar, entre Chantada e O Saviñao. Tra a intensa chuvia dos últimos días, está case ao máximo da súa capacidade, e foi necesario abrir algunhas comportas.
En Monforte caeron 34 litros de auga por metro cadrado en 24 horas, que provocaron pequenas inundacións na zona do Club Fluvial. E mesmo rompeu parte do muro de contención do río Cabe.
O paseo do Miño en Lugo permanece pechado pola enchente do río. A acumulación de chuvia tamén provocou o desbordamento doutras concas fluviais en Ourense. Entre eles, o Miño, ao seu paso pola cidade, ou o Támega en Verín, no que a Xunta mantén activado o plan de risco de inundacións.