CRTVG

Buscar

As confrarías de Rianxo e Vilanova buscan unha saída rendible para o exceso de algas

Publicado o 10/07/2018 21:07

As algas que inundan as praias afogan o marisco e constitúen un gran problema de lixo. As confrarías de Rianxo e de Vilanova están tentando darlles unha saída rendible.

Desde as confrarías están financiando estudos levados a cabo pola Universidade da Coruña para coñecer as propiedades das algas e os sectores onde poderían sacarlles máis partido. O que agora lles supón un problema para o marisco, podería ser unha solución de futuro cun rendemento económico que axude a diversificar os pósitos e a non depender tanto das subvencións das administracións. 

Desde Rianxo aseguran que eles foron pioneiros neste proxecto que deseguida comezará coas primeiras mostraxes nos areais da Torre e Castelete.

Moitas veces as algas afogan o marisco e constitúen un verdadeiro problema para as confrarías. As de Rianxo e Vilanova buscan poñerlle solución buscando unha rendibilidade económica para este produto do noso mar. Traballan da man con investigadores da Universidade da Coruña para coñecer mellor as súas propiedades e posibles saídas de mercado.

Diversificar o sector é un dos obxectivos deste proxecto ao tempo que pode converterse na inxección económica que necesitan as confrarías. Cada vez son máis os sectores onde as algas son protagonistas, desde a cosmética natural á alta cociña, ou a posibilidade de ser un alimento para o gando, como estudan na facultade de Veterinaria.

Un proxecto que desde o pósito de Rianxo cualifican de pioneiro. A idea xurdiu hai catro anos, e agora xa están metidos en faena, de feito van comezar a facer as primeiras mostraxes de algas nas praias da Torre e Castelete. Nunhas confrarías que dependen ao 90% do marisqueo, abrir novas portas pode ser un bo camiño de futuro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/07/2018