As confrarías de Ferrol alíanse coas redes sociais para unha Semana Santa virtual
Lidia amosa a palma que elaborou para este domingo de Ramos, seguindo a proposta da xunta de confrarías de Ferrol. Noutras circunstancias, mañá podería ir bendicila á praza de Amboaxe e asistir á procesión da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. Pero este ano Lidia, como outros tantos crentes e seguidores da Semana Santa ferrolá, colgarán os ramos e palmas nas redes sociais e nos balcóns, e vivirán a procesión recollidos na casa.
Lola Castro Casares, vicepresidenta da Confraría das Dolores de Ferrol, comenta que esta Semana Santa vívese "de maneira máis profunda e interiorizada, con resignación e tristeza pero sabendo que o primeiro é a saúde. Unha Semana Santa máis íntima e personal".
As redes sociais están a ser aliadas das confrarías. A xunta xeral enche o seu Facebook e Twitter con propostas: o trivial do confrade, a solicitude para que os cidadáns compartan imaxes das súas maquetas e procesións en miniatura. Pero a iniciativa estrela son as retransmisións que van facer recuperando as procesións doutros anos, á mesma hora na que se realizarían.
En penitencia virtual, a Confraría das Dolores celebrou un quinario e un setenario e hoxe inicia un rezo do víacrucis ata o domingo de resurrección.
Tamén oración compartida no Facebook da Cofraría da Mercé.
A das Angustias amosa nas redes sociais imaxes históricas de lembranzas dos seus tronos e penitentes...
E a da Soidade narra o que podería ser... e non é nestes días.
Mesmo as novas tecnoloxías permitiron á agrupación musical Virxe do Carme de Ferrol, compartir a súa interpretación de "Raíña de Reis" dende a casa.
Está é unha semana de Paixón confinada, na que máis ca nunca a procesión vai por dentro.