As comunidades polas que pasa o Camiño coordínanse para o dobre Ano Santo
As autonomías do Camiño de Santiago reuníronse este luns en Compostela para coordinarse neste dobre Ano Santo. Nun encontro co presidente da Xunta e co vicepresidente, Alfonso Rueda, falaron de sinalización, promoción e seguridade nos distintos camiños de Santiago. Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, Andalucía e Cataluña asistiron a este encontro para abordar formas de xestión que fagan o Camiño máis accesible, sostible e con novas solucións tecnolóxicas e informáticas. Estudaron amais actuacións que axuden a asentar poboación nos territorios menos poboados e a seguridade sanitaria no Camiño.
"O Camiño é seguro e, polo tanto, estar tamén moi coordinados para que esa sexa unha garantía real, como creo que é en Galicia e como creo que é en xeral en todas as comunidades autónomas e ser moi estritos coa vixilancia das normas, con saber responder ante posibles incidencias e que os peregrinos teñan claro que facer o Camiño é seguro, pero que as medidas sanitarias deben observarse sen ningunha dúbida e tamén que todas as comunidades autónomas -as administracións-, estamos preparadas para reaccionar en caso de que se produza algunha incidencia", di Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia.