CRTVG

Buscar

As autonomías poderán acudir ao Supremo para que se pronuncie sobre as restricións

Publicado o 04/05/2021 13:35

O Consello de Ministros aprobou este martes un decreto que vai permitir que os gobernos autonómicos acudan ao Tribunal Supremo para que se pronuncie sobre os recursos xudiciais arredor das restricións que poidan interpoñer cando expire o estado de alarma o 9 de maio.

Deste xeito, os executivos das comunidades autónomas poderán recorrer ao Supremo en caso de que o Tribunal Superior do seu territorio anule algunha das restricións que impoñan para combater a covid-19. Terá un prazo máximo de 5 días para pronunciarse. 

Deste xeito, quérese evitar que haxa disparidade de criterios xurídicos entre comunidades, de forma que o Supremo coa súa decisión establecería xurisprudencia.

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, tamén anunciou na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, que o Goberno aprobou un decreto, realizado por 9 ministerios, co fin de prorrogar durante tres meses as medidas económicas e sociais que doutra forma decaerían coa finalización do estado de alarma o próximo 9 de abril.   

Neste decreto inclúese unha prórroga ata o 9 de agosto, das medidas de protección "excepcional" en materia socio económica, xa que moitas delas necesitaban soporte legal para manterse no tempo.   

Trátase, segundo Carmen Calvo, do bono social para facer fronte á pobreza enerxética, das medidas protectoras en materia de vivenda e mesmo "algúns asuntos que ao longo destes meses empezaron a dar problemas como poden ser a obriga que hai na lei da propiedade horizontal de facer as reunións das comunidades de propietarios en termos presenciais".

Principais medidas

O Goberno prorroga ata o 9 de agosto a suspensión dos desafiuzamentos de alugueiro para colectivos vulnerables, incluídos os que non teñen contrato. Tamén a moratoria do pago e quitas do 50 % das rendas, se as alugadoras son grandes posuidoras (dez ou máis vivendas) ou entidades públicas.

Ademais, estende seis meses os contratos de arrendamento de vivenda nos mesmos termos e condicións do contrato en vigor, se a propietaria non reclama a vivenda para si, nin hai un acordo distinto entre as partes.

Do mesmo xeito, amplíase tres meses (ata o 9 de setembro) o prazo para que as persoas arrendadoras ou titulares dunha vivenda afectada pola suspensión de desafiuzamentos, soliciten unha compensación.  

Segundo o Goberno, o obxectivo é atender as situacións de vulnerabilidade que poidan producírense máis aló do 9 de maio, cando finaliza o estado de alarma, como consecuencia da crise derivada da pandemia.