CRTVG

Buscar

As comunidades autónomas endurecen as restricións

Publicado o 24/01/2021 21:58
As comunidades autónomas endurecen as restricións

Todas as comunidades endurecen aínda máis as medidas restritivas para intentar frear o aumento dos positivos, que esta fin de semana superan os dous millóns e medio en todo o país. Algunhas como Andalucía ou as Baleares optan polos peches perimetrais e outras limitan ao máximo as reunións en domicilios, que é onde se localizan a maior parte dos focos de contaxio. Madrid mantén os confinamentos perimetrais por zonas básicas de saúde e o toque de queda ás dez da noite. Ademais, están prohibidos os encontros nos domicilios entre non conviventes, agás nos casos de persoas que vivan soas ou precisen coidados. O acalde avisa que non só se endurecen as restricións, tamén a vixilancia á que se destinan máis de 200 policías e unha unidade de drons.

José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid: "Vainos permitir vixiar desde o aire os perímetros das zonas básicas de saúde".

Controis tamén á saída de Bilbao, que desde este luns confina perimetralmente todos os concellos e limita os encontros sociais a un máximo de 4 persoas.

Condutores: "É sentido común, o non ir a sitios que non podemos. Se non podemos, non podemos". "Entendo que é necesario, se non tomamos medidas váisenos das mans". "Pero tamén é un pouco intimidante, eu acabo de chegar e alucinei con tanta policía".

Cataluña, que segue pechada e cos bares abrindo por franxas horarias, decidiu prorrogar as restricións ata o 7 de febreiro. E nas illas Baleares están confinadas Formentera e Eivisa.

Viaxeiros: "Eu cando o souben xa viñera a Palma e agora teño que volver porque vivo en Eivisa". "Teño unha cita médica".

Nas Canarias, Lanzarote e A Graciosa están no nivel máximo de restricións, coas reunións limitadas a dúas persoas non coviventes. A policía desmantelou unha festa privada sen máscaras en Fuerteventura, e dispersou un grupo numeroso de persoas ás portas dun salón de peiteado onde lles servían bebidas.

Noticias web

24/01/2021