CRTVG

Buscar

As comunidades apuran a vacinar para alcanzar o obxectivo do 70 % de inmunizados

Publicado o 11/08/2021 09:11

O prazo para alcanzar o 70 % da poboación vacinada e lograr a chamada inmunidade de rabaño finaliza o 19 de agosto. Ao ritmo que imos, fai falla poñer cinco millóns de doses nos seguintes noves días. Coa chegada de máis vacinas, e en plenas vacacións, con moita xente fóra da casa, as comunidades buscan xente para vacinar. Por exemplo, Euskadi fai un chamamento aos máis novos porque teñen 57.000 doses dispoñibles. Murcia tamén ofrece citas libres e Valencia intenta repescar os que teñen idade para vacinarse e non o fixeron. Andalucía mesmo abriu puntos de vacinación sen cita para maiores de 40 anos. 

Na reunión deste mércores da Interterritorial, comunidades coma Galicia protestarán polo repartimento das doses extra de vacinas que están chegando. Quéixanse de non ter con que vacinar os máis novos, os de 16 anos, cos que comezaron onte. O delegado do Goberno en Galicia explicou que igual que Galicia recibiu máis doses ao comezo porque tiña máis poboación envellecida e outras comunidades lle cederon vacinas, agora tócalle ser solidaria e ceder aos territorios con poboación máis nova. Pero o conselleiro de Sanidade nega ter coñecemento disto.

Á marxe de polémicas, a campaña de vacinación en España ábrese aos máis novos, coa vista posta no inicio do curso escolar. Xa se empezaron a vacinar en trece comunidades os de 12-15 anos. O ritmo de vacinación en España segue situando o país entre os máis adiantados. Segundo os datos de Sanidade, o 62 % da poboación xa recibiu a pauta completa e máis do 70 % ten polo menos unha dose. 

Noticias web

11/08/2021