CRTVG

Buscar

As compras de Nadal reactivan as prazas de abastos como a de Santiago

Publicado o 05/12/2020 15:41

Primeiro detalle na praza de abastos de Santiago de Compostela, esta mañá: xente con máscara e gardando cola para cumprir coas restricións de acceso pola covid-19. "Temos que respectar as medidas de seguridade cos restantes visitantes da praza", comenta un cliente.

Un segundo aspecto amosa que a pandemia trae un Nadal diferente: unha oferta de peixes e mariscos similar á de anos anteriores por estas datas, pero clientes máis coidadosos e prezos como se espera do último mes do ano.

"Andan máis ou menos no mesmo prezo. Nós non notamos esa baixada. Hai bastante surtido pero máis barato non", afirma unha clienta.

Tal como contan os praceiros, as compras que facían os restaurantes estanse trasladando aos particulares que non queren renunciar a saborear bo peixe e marisco na súa mesa, polo que se rexistran prezos similares aos do ano pasado. Centola a 30 euros o quilo, camarón entre 50 e 82 euros e os percebes, en oferta puntual, estiveron a 60 euros o quilo.

Segundo Nuria González, mariscadora, "nótase que a xente está vindo como escalonada. Está adiantando as compras do Nadal un pouco a primeiros de mes. Eu creo que para evitar as masificacións de xente dos propios días".

Ricardo Martínez, peixeiro

"Nótase que a xente non vén como antes, -puntualiza o peixeiro Ricardo Martínez-.  Non lle gusta vir sobre todo a xente maior. Están máis retraídos e non lles gusta vir cando hai moita xente".

Os peixeiros esperan que coa chegada do Nadal se reactiven as compras e poidan salvar o ano. Mentres dende a praza de abastos lembran que pola semana as restricións de ocupación lévanse mellor e evítanse esperas innecesarias.
 

Noticias web

05/12/2020