CRTVG

Buscar

As comadres abren a porta aos días gordos do Entroido

Publicado o 01/03/2019 08:38

A disputada capitalidade do Entroido galego tivo onte a súa sede rotatoria en Verín. No epicentro da comarca de Monterrei, as mulleres votaron si outra vez a Helena para ser raíña da festa, e disque a súa primeira decisión nada máis estrear mandato foi dar un baño de multitudes para recibir o Carnaval, nun desfile entre solemne e insolente, polas rúas da vila.

Imaxes de moreas de persoas certifican que o do Entroido non é cousa ir amodo, senón máis ben chegar e encher. E por iso, antes de nada, as comadres prepararon a festa con copiosos cocidos, pero en restaurantes, que tampouco é día de que cociñen as mulleres. O de menos, iso si, parecía o menú.

Veñen os días grandes do Entroido e comeza o tempo do asombro e sorpresa e o humor que non gusta de límites, e a sátira contra o poder establecido e as leis da corrección. Un tempo que onte tamén converteu as rúas de Ourense nun enorme aquelarre de mulleres que disque a algúns lle mete medo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/03/2019