CRTVG

Buscar

As coalicións de esquerda impóñense nas grandes capitais españolas

Publicado o 19/05/2019 15:20

No resto de España, segundo as enquisas que se publican este domingo, as coalicións de esquerda impóñense nas grandes capitais. Na cidade de Madrid gañaría Manuela Carmena, pero cunha estreita marxe sobre o bloque da dereita. Na Comunidade, o PP podería reter o goberno. En Barcelona, ERC vencería a Ada Colau, pero necesitaría apoios.

O xornal El País titula hoxe "As coalicións de esquerda impóñense nas grandes capitais" 
Segundo os resultados da enquisa que publica, a candidata á alcaldía por Más Madrid, Manuela Carmena, gañaría as eleccións municipais con entre 21 e 22 concelleiros, pero necesitaría o respaldo do PSOE para a súa investidura.

O resultado sería moi axustado respecto ao bloque da dereita, con tan só un ou dous edís de diferencia. Ciudadanos é o que máis sobe ata os 12 concelleiros, o PP baixaría aos 11 ou 12 e Vox acadaría 4 edís.

En Barcelona, ERC gañaría os comicios con un ou dous concelleiros máis que os que obtería a candidata á reelección, Ada Colau, de Barcelona en Comú. O candidato de Esquerra, Ernest Maragall, dobraría a súa representación actual e obtería 11 edís, pero necesitaría apoios para gobernar. 

En Valencia, o seu alcalde , Joan Ribó, revalidaría o seu cargo e a súa formación, Compromís, podería volver gobernar co PSOE e Unides Podem.

En Sevilla, o actual rexedor, o socialista Juan Espada, gañaría as municipais con un ou dous concelleiros máis que agora, pero necesitaría apoios para gobernar. 

En Zaragoza, o PSOE tamén sería o partido máis votado, pero necesitaría o apoio de Podemos e de Zaragoza en Común.

En Bilbao, o PNV volvería gañar e o seu actual alcalde acadaría a maioría absoluta.

O xornal ABC titula hoxe "A esquerda recorta terreo pero Ayuso podería reter o Goberno".  Segundo esta enquisa, na Comunidade de Madrid, o PSOE conseguiría o 29 por cento dos votos, e o PP case o 22%, pero podería gobernar co apoio de Cs e de Vox.

Na capital, gañaría Manuela Carmena, con entre 19 e 21 concelleiros. Necesitaría o respaldo do PSOE, de Pepu Hernández, que acadaría entre 9 e 11 edís.

Segundo a enquisa de La Razón, en Barcelona gañaría  ERC con 10 edís, pero Ada Colau e o PSC poderían plantar batalla.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2019