CRTVG

Buscar

As clases vanse retomar en México por televisión

Publicado o 25/08/2020 13:47

23 millóns e medio de contaxiados e 811.000 falecidos. Son as últimas cifras da pandemia no mundo. Hoxe os Países Baixos e Bélxica confirmaron tamén casos de reinfección por coronavirus, despois de documentarse este luns o dun home hongkonés que regresara á China dende España.

Nesta semana son moitos os países que afrontan o inicio do curso escolar con varias propostas. En México, por exemplo, as clases vanse impartir a través da televisión. 

Só a metade dos fogares en México teñen Internet, pero en cambio o 93% conta con televisión. Así que as autoridades deste país, o terceiro con máis mortes no mundo por coronavirus, decidiu que os nenos teñan as súas clases a través deste medio de comunicación.

As clases comezaron este luns nas principais canles de televisión do país e así continuarán ata que a curva de contaxios se reduza.

En Colombia, esa curva de contaxios, que xa superan os 550.000, está a estabilizarse, o que levou o presidente dese país a anunciar hoxe a fin do confinamento. Os colombianos pasarán agora a unha fase que chaman de illamento selectivo.

Novas reinfeccións

Mentres, en Europa destaca a confirmación por parte de científicos neerlandeses e belgas de casos de reinfección por coronavirus, un en cada respectivo país.

Onte documentábase o primeiro caso deste tipo no mundo, un home hongkonés de 33 anos que regresara á China desde España.

O dos Países Baixos trátase dun ancián cun sistema inmunolóxico deteriorado que contraeu o coronavirus por segunda vez dende o comezo da pandemia.

Estes datos fan pensar aos científicos que a resposta inmunitaria tras superar a covid non sería sólida nin duradeira, pero as certezas neste asunto seguen no aire.

Noticias web

25/08/2020