CRTVG

Buscar

As cidades que loitan contra o cambio climático, protagonistas do segundo día do cumio de clima de Madrid

Publicado o 03/12/2019 10:03

• Greta Thunberg chega a Lisboa despois dunha travesía de 21 días en catamarán

No cumio do clima de Madrid, hoxe o protagonismo no cumio do clima de Madrid será das cidades e as rexións na descarbonización e tamén da raíña Letizia, que presidirá un evento sobre saúde e crise climática. Na sesión inaugural de onte, a ONU fixo un chamamento a actuar de xeito urxente tras a advertencia dos expertos de que non se están cumprindo nin de lonxe os compromisos asinados hai 4 anos en París.

Din os expertos da ONU que o quecemento global está sobrepasando os peores prognósticos e que fai falla multiplicar por cinco os esforzos actuais para evitar que o mundo se quente a finais de século ese grao e medio considerado o límite da catástrofe. O secretario xeral das Nacións Unidas pedíalles aos gobernos máis ambición no recorte de gases de efecto invernadoiro.

António Guterres: "Non hai tempo nin razóns para o atraso. Temos as ferramentas, temos a ciencia, temos os recursos. Mostremos que tamén temos a vontade política que a xente demanda de nós"

Tamén Pedro Sánchez alertou do risco de sobrepasar un punto de non retorno e anunciou que vai aumentar os recortes de emisións aos que se comprometeu para 2030. O presidente do Goberno en funcións cargou contra os que chamou "fanáticos do negacionismo".

Pedro Sánchez: "Durante anos circularon as versións máis irracionais do negacionismo climático. Hoxe só un puñado de fanáticos negan a evidencia"

Negacionistas como Jair Bolsonaro ou Donald Trump. Inda que o presidente dos Estados Unidos está tramitando a saída do Acordo de París, a presidenta do Congreso, Nancy Pelosi, deixaba esta mensaxe no cumio: "Seguimos dentro, implicados na loita contra o cambio climático".

A presidenta da Comisión Europea, Von der Leyen, anunciou o Pacto Verde Europeo cun investimento dun billón de euros nos vindeiros dez anos. A primeira sesión completouse coa recepción dos Reis aos líderes e aos xefes das delegacións que asisten ao cumio. Filipe VI pediu que a Conferencia sirva para dar respostas ao maior perigo ao que se enfronta a raza humana e o planeta.


 "A loita contra o cambio climático representa unha oportunidade de ouro, non debemos desaproveitar este momento. A ecoloxía e o desenvolvemento económico non son incompatibles. Todo o contrario", dixo o Rei.

A segunda sesión de hoxe, na que a Raíña presidirá un debate sectorial e, ademais, cidades e rexións terán o protagonismo, vivirase coa expectación a inminente chegada da activista sueca Greta Thunberg, que segundo anunciaba hai uns minutos en Twitter está a punto de arribar a Lisboa. Descoñécese aínda en que medio de transporte chegará a Madrid, onde, á parte de intervir ante os líderes mundiais, vai participar na manifestación convocada para o venres.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019