CRTVG

Buscar

As cidades galegas impulsan a peonalización das rúas para previr novos contaxios

Publicado o 06/05/2020 21:11

A avenida de Ramón Ferreiro, en Lugo, é un dos espazos onde se quere intervir. A proposta dos comerciantes é a de pasar a uso peonil dous dos catro carrís para vehículos dos que dispón. Así conseguiríase unha ampla zona para uso dos viandantes e máis espazo para terrazas e accións comerciais.

Outras medidas que se propoñen tanto en Lugo como noutras cidades consisten en sinalizar as beirarrúas para que só se camiñe pola dereita ou peonalizar durante as fases de desconfinamento algunhas rúas comerciais para favorecer o acceso de peóns aos establecementos. Tamén se pide máis vixilancia cos coches que aparcan nas zonas de carga e descarga porque non se están a respectar por causa da parada na actividade.

Como noutras cidades galegas, os comerciantes de Lugo piden unha peonalización temporal das rúas para axudar o comercio e garantir a seguridade sanitaria. Así, reclaman que se usen as beirarrúas nun só sentido, que se peonalicen algúns carrís para vehículos en rúas do centro, que se permita ampliar o espazo das terrazas de hostalería e mesmo crear outras novas ou que os pequenos negocios poidan usar parte da solo público para publicitarse e atraer clientes. Tamén piden que se camiñe pola muralla nun único sentido, reducindo o risco de contaxio do virus.

"Para evitar cruzamentos entre persoas, os máis lentos poden ir pola dereita e os máis rápidos pola esquerda. Así non haberá risco de contaxio ou será menor".

En Santiago estúdase a peonalización de varias rúas do Ensanche e deixalas só para peóns nas fins de semana. En Vigo foron 34 as rúas parcialmente reservadas a peóns e na Coruña vanse aplicar medidas para reducir a presenza peonil, co conseguinte risco de contaxio, no paseo marítimo.

"En principio serán tres rúas. Xeneral Pardiñas, República do Salvador e Alfredo Brañas. Sería o sábado pola tarde e os domingos todo o día. Veremos como funciona esta medida".

Algúns colectivos piden que parte destas medidas se fagan permanentes unha vez que remate a pandemia para revitalizar as zonas vellas e os comercios das cidades galegas.

Noticias web

06/05/2020