CRTVG

Buscar

As cidades deixan máis espazo para peóns, coas grandes avenidas sen tráfico

Publicado o 09/05/2020 22:06

As horas punta, coma a que vai desde as 8 da tarde ás 11 da noite, fan que se produzan aglomeracións contraproducentes. En moitas cidades, coma en Madrid, decidiron cortar o tráfico nas grandes avenidas e paseos para que deportistas e ciclistas gañasen espazo e tranquilidade. A medida deixa imaxes coma estas que captabamos hoxe na capital de España. É só un exemplo, que tamén puidemos ver en Galicia. 

Na Coruña os coches non poden circular a máis de dez quilómetros por hora nas vías dun só carril e un único sentido de circulación. Esta limitación aplícase a diario entre as oito da tarde e as once da noite, e nas fins de semana tamén entre as seis e as dez da mañá, coincidindo coas franxas horarias nas que deportistas e camiñantes saen á rúa. Con esta medida o concello pretende darlles prioridade aos peóns, que moitas veces invaden a calzada para tratar de manter a distancia de seguridade.

Na cidade de Santiago tamén ensaiaron hoxe unha peonalización branda en varias rúas do ensanche. Sen coches, as persoas foron as donas de Xeneral Pardiñas, República do Salvador e Alfredo Brañas. Están libres de tráfico desde este serán ata a medianoite do domingo. Os viandantes, iso si, teñen que respectar algunhas normas: circular pola dereita e achegarse aos pasos de peóns para cambiar de sentido. 

Noticias web

09/05/2020