CRTVG

Buscar

A chuvia torrencial volve esta semana ao Perú

Publicado o 20/03/2017 13:38

O fenómeno El Niño deixou polo momento 75 mortos, milleiros de afectados. O caos apodérase de boa parte do país

O caos apodérase de boa parte do Perú, tras as graves inundacións que deixou o fenómeno coñecido como El Niño costeiro. As autoridades informaron da morte de polo menos 75 persoas, hai milleiros de damnificados e as cousas poden ir a peor porque para esta semana agárdase máis chuvia torrencial.

Os servizos de urxencias percorren as rúas da cidade de Trujillo, a máis poboada do norte do Perú e un dos lugares máis castigados polas riadas. 

As graves inundacións que sofre o país provocaron xa a morte de polo menos 75 persoas, segundo os últimos datos oficiais, que deron conta tamén duns 20 desaparecidos e máis de 100.000 damnificados. 

As riadas estragaron por completo unhas 12.000 vivendas e máis de 2.000 quilómetros de estradas. Boa parte do país está sen auga potable, e o Goberno confía en que nas próximas horas se poida restablecer a subministración en Lima.

A caída dalgunhas pontes impediu levar por terra a axuda humanitaria para os damnificados, o que obrigou a empregar barcos do exército e pesqueiros para poder trasladala. 

A situación de caos que está a deixar o fenómeno coñecido como El Niño ameaza con ir a peor porque as autoridades alertaron a poboación de que polo menos ata o próximo xoves haberá que facerlle fronte á nova chuvia torrencial que deixará nalgúns lugares ata 150 litros por metro cadrado. Os gobernos de Colombia, O Ecuador, Chile a A Arxentina xa se comprometeron a enviar axuda.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2017