CRTVG

Buscar

As chuvias intensas provocan o desbordamento de varios ríos nas provincias da Coruña e Pontevedra

Publicado o 02/02/2021 20:22

 As choivas rexistradas en Galicia durante as últimas horas provocaron un aumento notable do caudal de varios ríos que discorren polas provincias de Pontevedra e A Coruña, o que causou o seu desbordamento. Segundo detalla o 112 Galicia, este martes recibíronse varias chamadas para alertar de enchentes detectadas no río Vea, na Estrada; o Sar, en Padrón; o Coroño, en Boiro; o Gándara, en Pontevedra; o Valga, no concello pontevedrés homónimo; o Fornelos, no Rosal e o Tea, en Ponteareas.

Os ríos Tambre, Lérez e Verdugo rexistraron nas últimas horas un incremento notable do seu caudal, que superou os límites establecidos. Por iso, prevese un posible desbordamento dos cursos fluviais ao seu paso polos municipios coruñeses de Oroso e Val do Dubra, Pontevedra e Ponte Caldelas. Por este motivo, fíxose un chamamento á precaución da cidadanía dada a posibilidade de que se produciron bolsas de auga e inundacións en estradas e a súa afectación á circulación. Así, recomendouse evitar atravesar unha zona cuberta pola auga. 

A Xunta mantén activo o Plan especial para o risco de inundacións (INUNGAL) co obxectivo de informar do estado e a evolución dos ríos ante a actual situación meteorolóxica adversa. Deste xeito, constatouse a subida do caudal dos ríos Tambre, Lérez, e Verdugo

Precisamente, o Goberno galego decretou este martes a alerta laranxa no litoral das provincias de Pontevedra e A Coruña debido ao temporal costeiro que afecta a comunidade e que deixou acumulacións de choiva de máis de 69 litros por metro cadrado en Lousame (A Coruña) e refachos de vento de case 113 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Aviso laranxa na provincia de Pontevedra por chuvias

Día de ríos cheos, de paraugas, de parapetarse para non acabar pingando e de poñerse a cuberto dunha chuvia que non parou en toda a xornada. As descargas, ademais de continuadas, foron especialmente intensas nalgúns momentos.

No mapa do tempo, este martes a provincia de Pontevedra estivo pintada de laranxa. A cantidade de precipitacións recollida xustifica a cor da alerta. Á cabeza está, coma sempre, a estación de Fornelos de Montes, na serra do Suído, onde se recolleron máis de 40 litros en 12 horas, na Estrada foron 35, 29 e 28 en Forcarei e Cerdedo-Cotobade, respectivamente, e 27 rexistraron en Vilanova de Arousa e mais en Redondela.

Avisos en toda a costa galega

Na costa das Rías Baixas o aviso tamén foi de mar de fondo do oeste con ondas de 5 a 6 metros.

Entrou unha nova fronte polo mar con chuvia, vento e forte temporal e a medida que pasaban as horas foi repuntando. Onde primeiro se notou este empeoramento foi na Costa da Morte. Aquí activouse o aviso laranxa a primeira hora da tarde pola combinación da forza do vento e o mar de fondo. Un mar bravo que lles impediu aos mariñeiros ir traballar e que obrigou á frota quedar un día máis refuxiada nos portos como este de Muxía.

Na Costa da Morte superaron os 70km/h. Nas próximas horas o aviso laranxa estenderáse ao resto do litoral atlántico con moito mar de fondo durante a madrugada. A primeira hora de mañá o temporal no mar baixará a aviso amarelo nas Rias Baixas e tamén no noroeste da provincia da Coruña e a mediodía farao na Costa da Morte. A previsión nestes momentos mantén os avisos na costa galega polo menos ata o mediodía do xoves.