CRTVG

Buscar

A chuvia intensa inunda a Terra Chá

Publicado o 26/01/2021 14:30

Así quedou a parroquia de Pacios, en Castro de Rei, debido ao desbordamento do río Miño. A chuvia intensa das últimas xornadas fixo que se inundasen amplas extensións de terreo e algunhas estradas da zona. De feito, varios núcleos de poboación, coma O Pozo ou Feal, quedaron incumunicados.

"Levamos catro días con tanta auga que non se pode pasar. No momento que chove, isto inúndase moito e non se pode pasar. os coches ás veces pasan e outras veces non".

"A estrada estivo sempre cortada onde están as cintas e os coches en toda a mañá non puideron pasar, ningún".

"As pontes non dan canalizado toda a auga que pasa e as estradas que temos actúan como presa. Haberá que buscar algunha solución nese sentido, como pasos de auga, algo que reduza os problemas que temos nas estradas, que fan que non poidamos saír da casa durante varios días todos os anos", sinalan os veciños da zona.

Segundo os veciños das zonas afectadas, había décadas que non chovía tanto. Algúns incluso se remontan ao temporal Hortensia de 1984.

"Aquilo fora terrible. Comparada, esta foi un 80 por cento, mentres que aquilo sería un 100 por cento, posto que inundara todo isto e entrara nas casas". "Este ano hai moita auga. Leva moito tempo chovendo, dende hai uns dous meses", engaden.

Na cidade de Lugo o Miño tamén se desbordou, de maneira que a auga anegou as beiras do río, como se pode apreciar nestas instalacións do Club Fluvial.

Noticias web

26/01/2021