CRTVG

Buscar

A chuvia e o vento puideron motivar o derrubamento da árbore en Mondariz-Balneario

Publicado o 04/10/2021 08:58

Coa luz do día pódense apreciar as dimensións da árbore que acabou coa vida de Fita. Arredor das nove da noite, un plátano de sombra que se atopa na alameda dos xardíns do Gran Hotel Mondariz-Balneario caeu de súpeto mentres se celebraba un concerto que xa estaba para rematar. A muller, de 60 anos, non foi a única danada. Quedaron feridas catro persoas.

"Era unha árbore bastante grande, a noite pasada estivo chovendo moito, con moito vento, e agora vese que tiña pouca raíz. Eses poden ser os factores que influíron na caída", explica Jonathan Trigo, membro de Protección civil deste concello.

Dúas das testemuñas contan: "De súpeto miro unha árbore que se está caendo enriba de parte do público e que case lle da aos dous actores, de feito feriu un pouco a actriz". "Porque caeu un pouco nun lateral, se se desvía un metro, nós estabamos no medio e a traxedia sería moito maior".

Acudiran ao concerto unhas oitenta persoas, entre elas o alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, quen explica que cando caeu a árbore, el estaba sentado: "Case non me decato, e pasou o que pasou".

Hai quen di que se escoitou un ruído antes de que caese, pero que non lles deu tempo a reaccionar, e a árbore derrubouse de pleno sobre a muller, veciña de Vilasobroso, que faleceu alí mesmo. Ela fora co seu marido, que foi trasladado ao hospital, ferido cun golpe nas costas e cun ataque de ansiedade. Estaban sentados nunha escaleira, cara ao sur do escenario. Aos bombeiros avisáranos de que había cinco persoas atrapadas baixo a árbore, un gran pradairo.

Pablo Araújo, dos bombeiros de Ponteareas, comenta que, cando chegaron, só encontraron unha persoa falecida baixo a árbore e que "a liberación foi laboriosa, polo peso e o diámetro da árbore, de 10 metros de alto e 1,50 de diámetro".

O 112 informou dunha muller falecida e mais outras catro persoas feridas. O levantamento do cadáver produciuse cara ás once e media da noite. Este concerto fora adiado a semana pasada por mor do mal tempo. O evento estaba programado polo Concello e a árbore caída é de propiedade municipal.

Segundo o Concello, a árbore atopábase en bo estado, tal como consta nun informe forestal, e cando se montou o equipo de luces e son para o concerto ninguén viu nada anormal que fixese prever que tiña perigo de caer. 

 

Noticias web

04/10/2021