CRTVG

Buscar

As charangas confían nas contratacións para agosto nas festas galegas

Publicado o 22/06/2020 20:24

As charangas retoman os ensaios, despois de tres meses parados e moitas cancelacións. E volven con ganas de recuperar a actividade musical nas vilas galegas.

"Aproveitamos o confinamento para pensar novos temas para montar e hai ganas de volver a empezar a tocar xuntos", di  Alba García García, membro da Charanga BCB de Celanova

Volven ás festas a partir do un 1 de xullo e confían nas contratacións de agosto para salvar a temporada.


"Eu creo que no mes de agosto se pode salvar nunhas circunstancias complicadas como as que estamos. Cremos que así vai ser, que pode haber pequenas actuacións nas que as charangas poidamos estar, cumprindo, evidentemente, os protocolos de saúde establecidos, pero que poida haber algo de música, sobre todo, nas rúas das vilas de Galicia e tamén, festas privadas e pasacalles ou pequenos concertos en prazas", explica, Manuel Alejandro López Pérez, membro da Charanga BCB de Celanova

Con menos loxística que unha orquestra e sen grandes concentracións de xente, as charangas protagonizarán sesións vermús e seráns con pasacalles, menos multitudinarios que as grandes verbenas.

"Ao final nunha verbena pois sempre hai moita máis xente, máis cerca e cunha infraestrutura moito máis perigosa nestas circunstancias, me refiro, pero que oxalá tamén eles poidan seguir traballando", asegura  Manuel Alejandro López Pérez, membro da Charanga BCB de Celanova

O sector musical, un dos máis prexudicados pola pandemia volve con forza, adaptándose con novos formatos para achegar a música en directo á xente por toda Galicia.

A primeira festa para a charanga BCB de Celanova será o vindeiro 4 de xullo no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo.

Noticias web

22/06/2020