CRTVG

Buscar

As chamadas ao 016 medran case un 15 por cento en 2020

Publicado o 04/02/2021 11:22
As chamadas ao 016 medran case un 15 por cento en 2020

As chamadas ao servizo telefónico 016 en materia de violencia de xénero aumentaron en 2020 un 14,8 % con respecto ao ano anterior, cun total de 78.886 chamadas pertinentes, segundo os datos do Boletín Estatístico Mensual sobre Violencia de Xénero do mes de decembro de 2020.

Durante o último mes do pasado ano recibíronse 5.298 chamadas -cunha media de 171 chamadas diarias-, o que supón un 5,95 % menos que en decembro do ano anterior.

O 69,8 % das chamadas foron efectuadas pola propia usuaria, o que supón un aumento de 2,9 puntos porcentuais con respecto a decembro de 2019, o 4,4 % realizáronas familiares ou achegados (3,2 puntos porcentuais menos) e o 5,8 % por outras persoas (0,3 puntos porcentuais máis).

Durante o mes de decembro, a taxa máis alta de chamadas por millón de mulleres de 15 e máis anos rexístrana as Canarias (375,7), seguida da Comunidadede Madrid (374) e, por provincias, Guadalaxara (516,2), seguida das Palmas (457,9). En Galicia efectuáronse 230 chamadas no mes de decembro.

Melilla e as Baleares experimentaron o maior incremento no número de chamadas (10 en decembro de 2020 fronte a 3 en decembro de 2019 na primeira e 128 fronte a 70 na segunda).

A finais do ano pasado, o número total de dispositivos do Sistema de seguimento por medios telemáticos das medidas de afastamento activos era de 2.220, o que supón un 40,8 % máis que en 2019. 

En Galicia, hai 103 dispositivos instalados.

A 31 de decembro de 2020Servizo telefónico de atención e protección para vítimas de violencia de xénero (Atenpro), tiña 14.928 usuarias activas, o que supón unha lixeira diminución con respecto a novembro do ano 2020 (36 usuarias activas menos) e un incremento do 2,5 % con respecto a decembro de 2019 (356 usuarias activas máis). En decembro rexistráronse 738 altas.

Durante o mes de decembro recibíronse, ademais, un total de 89 consultas en liña.