As centrais nucleares ameazan con pechar ante as medidas do Goberno
En España hai sete centrais nucleares, que producen o 20 % da enerxía eléctrica. Ante o chamado plan de choque do Goberno contra a escalada de prezos da luz, as centrais rebélanse e ameazan co peche anticipado se entra en vigor a lei sobre os dereitos de emisión de CO₂. A norma pretende reducir os beneficios que reciben as empresas eléctricas que non emiten dióxido de carbono. O Foro Nuclear, o principal grupo de presión que agrupa estas empresas, di que esa lei fará inviable economicamente que as centrais sigan funcionando.
A vicepresidenta Teresa Ribera pide prudencia e reflexión, asegura que o plan do Goberno está conforme ao dereito nacional e europeo e que conta co visto e prace da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Di a ministra que as medidas que se van adoptar ofrecen unha rendibilidade asegurada e non cre posible a parada das nucleares.
O plan de choque eléctrico co que o Goberno pretende baixar a factura da luz un 22 % ata finais de ano é aplaudido por Unidas Podemos, que o considera valente, pero rexeitado polo principal partido da oposición, que o cualifica de confiscador. Responde Sánchez acusando o PP de non facer nada cando gobernaron, agás fixar o imposto ao sol, eliminar as axudas ás renovables ou tomar medidas que logo tombou a xustiza.