CRTVG

Buscar

Galicia pasa o luns á fase 2 cunha ampliación das actividades de ocio e comerciais

Publicado o 23/05/2020 13:53

Baixan os datos de coronavirus en Galicia, onde se rexistran dúas novas vítimas

• O 47% da poboación española entrará o luns nesta nova fase do desconfinamento

• Consulta aquí que se pode facer na fase 2 

As catro provincias galegas pasarán o próximo luns 25 de maio á fase 2 do proceso de desescalada. Ademais do control da pandemia, o comité técnico valorou a capacidade da sanidade galega na identificación de casos e diagnose precoz da COVID-19. Tamén os medios para atallar a tempo un posible rebrote. Nesta nova fase alívianse as restricións de mobilidade e amplíanse as actividades comerciais e de ocio que se poden realizar.

A partir deste luns, xunto con Galicia estarán na fase 2 da desescalada, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, A Rioxa, Aragón, Estremadura, Murcia, as Baleares, as Canarias, Ceuta e Melilla. Tamén pasan todas as provincias andaluzas, agás Málaga e Granada, tres zonas sanitarias de Cataluña e as provincias castelano-manchegas de Guadalaxara e Cuenca.

O ministro de Sanidade valorou os progresos realizados por todas as comunidades para manter baixo control a epidemia e garantir que os pasos que se dan sexan seguros.

"A miña felicitación sincera a todas e cada unha das comunidades autónomas, e digo a todas, polo magnífico traballo que estiveron facendo todas estas semanas. Non só saímos, senón que saímos máis fortes", dixo Illa.

O pase á fase dúas faise por provincias, áreas sanitarias ou illas, e as medidas de alivio que permite circunscríbense por tanto a ese territorio.

"De momento, non está permitida a mobilidade entre provincias", especificou o ministro.

Sanidade tamén aclara que segue vixente a norma que obriga os que cambien de fase a permanecer nela dúas semanas antes de avanzar outro chanzo.

"En principio, o criterio é permanecer catorce días en cada unha das fases para poder valorar xustamente posibles consecuencias das medidas que se adoptan en cada fase na evolución epidémica. E este criterio serve para todas as comunidades autonómas", reiterou o ministro de Sanidade.

Entrar na fase dúas non elimina a recomendación de extremar as medidas de hixiene e distanciamento social nin a obrigatoriedade de levar máscara cando a distancia entre persoas sexa inferior a dous metros.

Noticias web

23/05/2020