CRTVG

Buscar

As casas pasivas reducen o consumo enerxético e, polo tanto, as emisións de CO2

Publicado o 09/12/2019 12:18

O control da temperatura, da humidade, da calidade do aire e o illamento acústico lógranse nestas casas pasivas cun gasto enerxético mínimo. Para obter a certificación, a construción ten que cumprir uns requisitos.

Gustavo Ríos, arquitecto técnico, cre que "illamento, boas ventás, unha envolvente ben illada e unha ventilación especial, con recuperación de calor. Son puntos claves en que hai que incidir no deseño da casa, é labor do técnico, e despois un labor moi rigoroso na execución da mesma".

Calculan que a construción se encarece arredor do 10%, pero aseguran que se amortiza en pouco tempo. Fadi Alush, é propietario dunha destas vivendas: "A temperatura interior da casa é practicamente constante todo o ano. No inverno temos 20-21º, sen poñer calefacción, e no verán estamos en 23-24º. Vemos no gasto da luz que case non se pon en marcha a calefacción".

Entre as vantaxes, salientan que son vivendas respectuosas co ambiente. "Polo tema do efecto invernadoiro, das emisións de CO2 ao ambiente. Son casas que case non consomen enerxía e, polo tanto, case non emiten CO2", conta Gustavo Ríos.

As casas pasivas adáptanse a calquera sistema construtivo e a todos os climas.

 

Noticias web

09/12/2019