A revista
As Brigadas Deseucaliptizadoras póñense en marcha esta fin de semana en Froxán, monte premiado pola ONU
Fin de semana de estrea para as Brigadas Deseucaliptizadoras, unha chea de voluntarios e voluntarias dispostos a erradicar as especies de árbores invasoras como o eucalipto e a acacia dos montes de todo Galicia. O seu debut vai ser no monte comunal de Froxán, en Lousame, un proxecto comunitario que ten o apoio das Nacións Unidas polo seu labor de conservación e protección do bosque autóctono.
Este monte comunal da pequena aldea de Froxán ou, mellor dito, o seu proxecto de recuperación ambiental, gañou, canda o de Santiago de Covelo, entre os 150 proxectos de conservación de todo o mundo que se presentaron ao concurso internacional European Outdoor Conservation Association que premia e protexe as áreas conservadas por comunidades locais nun rexistro tutelado polas Nacións Unidas, cunha dotación de 30.000 euros. Son os primeiros incluídos de toda España.
Este monte comunal ten cen hectáreas, das que xa se libraron 20 de eucaliptos os últimos anos.
Xoán Evans, membro da Sociedade Coluna Sanfíns, un dos promotores do proxecto, cóntanos que isto vai valer para protexer a aldea dos incendios forestais.
Repoboar con dez mil árbores de especies autóctonas supón primeiro erradicar as foráneas. Un paso máis para conseguilo é a estrea das Brigadas Deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado ambiental da Asociación Verdegaia, que bota a andar esta fin de semana en Froxán co apoio dos propietarios do monte. Ata o momento da entrevista, unha semana antes da cita, as brigadas tiñan máis dun cento de persoas apuntadas en todo Galicia, das que agardan que polo menos trinta se acheguen a Froxán o sábado.
O sistema de traballo é a roga, un xeito de labor comunitario que en Froxán usan decote na sementeira das patacas, por exemplo. A roga permíteche traballar en común, intercambiando ideas, reflexionando e creando novos proxectos. Ademais, remata co albaroque, un xantar comunal no que estreitar lazos entre comunidades e xente foránea.
Científicos da Universidade de Santiago andan estes días coñecendo os lugares degradados, por exemplo pola acción mineira, que se queren recuperar, catalogando a biodiversidade da zona, os solos e mesmo elementos patrimoniais esquecidos como un enorme curro do que ninguén sabía ou unha braña desecada pola actividade industrial.
As comunidades implicadas en Froxán e en Covelo agardan que a inclusión no rexistro ICCA da ONU axude a visibilizar os seus proxectos, sirva de inspiración para outras comunidades e mesmo axude a convencer os máis escépticos. De feito, este ano xa hai varias candidaturas galegas que optan a entrar no rexistro do ICCA, o programa de apoio das Nacións Unidas para o Medio Natural.
As brigadas deseucaliptizadoras comezarán a traballar o sábado ás dez da mañá. Se van achegarse a botar unha man, avisen con tempo porque cómpre ter ferramentas suficientes e, sobre todo, non queren que ninguén quede sen xantar no albaroque.