CRTVG

Buscar

As bolsas rebotan tras un luns negro

Publicado o 10/03/2020 14:32

Xornada de respiro a de hoxe na maioría das bolsas europeas. Rebote no mercado de Madrid, pero tamén no de Frankfurt, Milán, París e Londres. Contra o mediodía, o IBEX 35 rexistraba unha suba do tres por cento, insuficiente aínda para recuperarse do oito por cento que perdeu onte, un luns negro en que o pánico ante unha posible recesión mundial derivada do coronavirus fixo estragos nos parqués de todo o planeta. Mesmo Wall Street tivo que pechar un cuarto de hora para evitar un afundimento.

Pero hoxe os mercados erguéronse máis optimistas, axudados tamén pola suba, nas últimas horas, do prezo do petróleo. Tamén se empeza a sentir na prima de risco, que mide a confianza na economía de cada país. Nesta xornada moderouse a escalada dos últimos días. Dende o mércores pasado ata onte, a prima española subiu máis de trinta puntos. A italiana seguiu a mesma tendencia, chegando a superar os 230. Os investidores seguen vendo o bono alemán como un valor refuxio.

Noticias web

10/03/2020