CRTVG

Buscar

As bolsas Galeuropa facilitan prácticas laborais a mozos galegos en países de Europa

Publicado o 13/04/2019 17:04

A posibilidade de que as mozas e mozos galegos fagan prácticas laborais noutro país da Unión Europea é unha experiencia enriquecedora a nivel profesional e persoal. Así nolo contan dúas participantes nas bolsas Galeuropa, un programa da Xunta financiado con fondos da Unión, que arrancou en 2012.

Galeuropa levou ata Irlanda a Adriana. Graduada en Psicoloxía, estivo traballando tres meses nunha asociación que axuda a inmigrantes a solicitar a nacionalidade. Felisa é de orixe guineana pero leva anos vivindo en Galicia, onde se graduou en Dereito. Unha bolsa de Galeuropa tamén lle permitiu facer practicas nunha asociación en defensa dos dereitos humanos de Lisboa. As dúas coinciden en que foi unha aprendizaxe importante.

"Todos son puntos que suman: lingua, experiencia laboral, experiencia fóra, tamén o traballo en equipo porque traballas con xente moi diferente".
"Eu solteime moitísimo co inglés, viaxei por Irlanda probablemente máis do que viaxei por España, fixen compañeiros de todas partes do mundo".

Felisa destaca ademais que esta bolsa facilita o acceso aos colectivos con máis dificultades para entrar no mercado laboral, como era o seu caso.

"Ser muller, levar tres anos coa carreira acabada sen ter traballado nunca, o feito de ter unha discapacidade, de ter unha situación económica complicada eran puntos para obter esta bolsa que para outras bolsas é o contrario"

Adriana di que esta bolsa precisa máis promoción. Igual ca Felisa soubo que existía polo boca a boca.

"Tiñamos vinte prazas e quedaron dúas libres. É unha grande oportunidade e deberíaselles dar máis visibilidade para que a xente tivese a oportunidade de optar a elas"

As bolsas, de entre dous e catro meses, levan funcionando sete anos. En 2012 arrancaron con 50 participantes e o ano pasado a cifra subiu a máis de 400.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/04/2019