As barracas do San Froilán abren con prezos máis baixos
Foi tarde de preparativos para a última das grandes festas anuais das capitais galegas. Este luns chega o San Froilán e a motivación para ir é dobre este ano: porque o pasado non se puido celebrar e porque o prezo das barracas será inferior ao do ano 2019.
A actividade non paraba esta tarde na explanada do pavillón municipal, onde os operarios apuraban o máximo posible para poder teren listas as barracas para mañá. Este ano a incerteza para os feirantes foi grande, xa que ata o último momento non souberon se poderían montar os postos.
Finalmente, o Concello de Lugo permitíullelo e, ademais, condoáronlles as taxas co compromiso de que isto repercutise no abaratamento das entradas ás barracas. Outro compromiso dos feirantes é o de manter as medidas de seguridade.
Lugo é un dos tres concellos galegos onde as atraccións se adxudican nunha poxa pública, o cal tradicionalmente o fai dos máis caros para poñer un posto. Noutros concellos o habitual é facer as adxudicacións por antigüidade.
O feito de que este ano as barracas non paguen taxas abaratará de media entre cincuenta céntimos e un euro as entradas.