CRTVG

Buscar

As barcas remontan o Mandeo na primeira xira dos Caneiros de Betanzos

Publicado o 18/08/2019 21:15

O peirao do paseo da Tolerancia é o punto de partida. As embarcacións remontan pasesiño o Mandeo cara ao campo dos Caneiros. É un percorrido fluvial de pouco máis de tres quilómetros salpicado de barcas engalanadas, con familias e grupos de amigos a bordo, reunidos ao redor dunha mesa ben provista de comida e bebidas. Hai quen fai o camiño a pé, un paseo fermoso e agradable por unha das marxes do río.
 "Pódese subir en lancha ou a pé. Logo xuntámonos aquí todos e a bailar e a pasalo ben. " "Vimos cada 18 de agosto, collemos as barcas, engalanámolas, traemos comida da casa e estamos moi contentos e moi ben", comentan dúas romeiras.

A xira dos Caneiros ten as súas orixes no século XIX. Nos últimos anos a esencia da romaría perdeuse en parte e no campo da festa convive o botellón dos máis novos coa cara máis tradicional da celebración.  "Para nós e a mellor festa do verán. Mola moito, a verdade." "Moi ben, bo ambiente, coa música estase moi ben." "Falta un poco máis de empanada de zamburiñas. Polo demais está espectacular." "Non viña desde pequena e cos nenos ben, pero agora non é o noso estilo. Gustounos ver as barcas."

Cando a luz empeza a perder forza os romeiros inician o camiño de volta. A primeira xira dos Caneiros pecharase á noite con fogos de artificio. A segunda celebrarase nunha semana.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019