CRTVG

Buscar

As axencias de viaxes reabren este luns coa mirada posta no turismo nacional

Publicado o 10/05/2020 09:49

Viaxar comeza a ser de novo unha opción. Axencias coma a de Antonio Piñeiro retoman a súa actividade a partir do luns. Fano limitadas por importantes restricións nos desprazamentos que van condicionar destinos e ofertas. O turismo nacional gañará forzosamente protagonismo no albor do verán.

"A partir de xullo os hoteis xa teñen prevista a apertura. Moitas cadeas xa anunciaron a apertura coas súas medidas de seguridade, dando os servizos que daban ata o de agora pero doutra maneira. A partir de principios de xullo si se vai poder vender. A garantía que temos para que a xente se anime a reservar é que os hoteis están dando moitas facilidades de cancelación".

Hai un matiz condicional que Antonio repite varias veces: se todo vai ben. Se todo vai ben tamén chegarán as viaxes ao estranxeiro, pero haberá que agardar polo menos ata o mes de agosto. "O primeiro que se prevé é abrir o espazo ao turismo español. Logo, no mes de agosto ou en setembro teñen pensado o turismo a nivel europeo e xa o internacional, fóra da Unión Europea, no último trimestre do ano".

Tras o decreto do estado de alarma as axencias pasaron semanas de apuro cancelando viaxes, axudando a regresar á casa aos clientes sorprendidos pola crise fóra de España. O luns comezan a súa particular recuperación. Piden que os ERTE se estendan máis aló de xuño, ata que o sector recupere o pulso.

Noticias web

10/05/2020