CRTVG

Buscar

As axencias de viaxe piden axudas económicas para manter a flote o sector

Publicado o 28/11/2020 14:53

A pandemia limita a posibilidade de viaxar e pon nunha situación complicada o sector do turismo e das axencias de viaxe. Moitas teñen posto o cartel de pechado, polo menos de xeito provisional, e co persoal en ERTE total ou parcial.
Juan Antonio Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI):
"A situación é moi mala porque en ningún momento houbo unha recuperación, no verán pensamos que se ía recuperar pero non foi así. A caída é dun 90 %, estase a facturar sobre un 10 % comparado co ano pasado, claro que fora moi bo e este iamos cunha perspectiva moi boa, de marcar récords seguramente"... ata que chegou a covid-19 e freou todo.

Desde o sector piden máis axudas económicas para manterse a flote mentres non chega a recuperación.
Juan Antonio Rivadulla. Presidente de AGAVI: "Vanse a cumprir nove meses con ingresos de practicamente cero, é imposible manter os negocios e os empregos así, nós pagamos aquí os impostos e necesitamos axuda para aguantar. A nosa recuperación non é de hoxe para mañá, necesitamos un tempo para programar e para volver vender".

Ás portas están a ponte de decembro, o Nadal, os destinos de fin de ano e a temporada de neve... As incertezas son moitas e fan que a maioría se retraia á hora de contratar unha viaxe. Aínda así desde o sector das axencias din non dar por perdida polo de agora a temporada de inverno.
Juan Antonio Rivadulla, presidente de AGAVI: "Como vendemos felicidade non damos por perdido nada, agora queremos que se recupere algo o turismo de inverno, esquí, neve e incluso aos galegos que nos gusta moito ir ao sol, ao Caribe, ás Canarias... Parece que Iberia vai lanzar a programación de inverno".
E a pesar de que o presente non é moi alentador, din mirar ao futuro con optimismo.
Juan Antonio Rivadulla. Presidente de AGAVI: "Pero ten que haber conectividade aérea, corredores seguros... chegar as vacinas e darnos un pouco de tranquilidade a todos".

Noticias web

28/11/2020