CRTVG

Buscar

As auxiliares acredoras de Barreras aceptan darlle 3 meses ao estaleiro ante o "previsible acordo de refinanciamento"

Publicado o 28/01/2020 20:16

Todo parece indicar que nas próximas horas se podería pechar o acordo entre as industrias auxiliares e Barreras, de Vigo, para retomar a actividade. Tras o acordo alcanzado cos bancos, o compromiso de Ritz pasa por asumir o sobrecusto do transatlántico que segue varado nas instalacións do estaleiro. 

O estaleiro Barreras traballa contra o reloxo para evitar que a partir do día 3 de febreiro ningún acredor poida pedir o seu concurso. De momento parece resolto o financiamento coas entidades bancarias, que permitirían a finalización do buque transatlántico de luxo de Ritz-Carlton. Son 170 as empresas auxiliares afectadas e 25 os millóns de euros de débeda de pasivo que ten este estaleiro.

As empresas que teñen a maioría do quantum da débeda de Barreras admitirían aprazala tres meses, sempre que non supoña unha mingua nas cantidades pendentes de cobro.

Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME: "Non vai ser un compromiso en branco, un compromiso debe levar aparellado unhas condicións e unhas garantías para a industria auxiliar, porque, obviamente, estes meses de espera foron moi duros, e seguen sendo moi duros".

Tan duros como que lle deben máis de catro millóns á empresa que fai os camarotes e son varias as auxiliares con débedas que superan o medio millón de euros. 

Ritz asume os 70 millóns de sobrecusto do seu transatlántico e ponse á fronte da nave do consello, pero o tempo esgótase. A solución: "Sempre antes do día 2 de febreiro, porque un concurso de acredores non interesa a ninguén, dende logo á industria auxiliar non lle interesa, pero imos defender os nosos dereitos". 

As auxiliares celebran o acordo de financiación coa banca pero, insisten, queren o cobro íntegro da débeda para volver á actividade.

 




 

Noticias web

28/01/2020