CRTVG

Buscar

As autoridades sanitarias fan un chamamento para que a mocidade asista aos cribados

Publicado o 14/07/2021 15:33

Malia que o virus circula de xeito rápido e masivo entre a mocidade, son poucos os que asisten aos cribados. Nalgúns casos a asistencia non chega nin ao 20 %. As autoridades sanitarias fan un chamamento á participación e recordan a importancia destas probas.

A circulación do virus multiplicouse por dez entre os máis novos, e a mellor maneira de poñerlle cancelas é acudindo aos cribados que cada día se organizan nos concellos con maior incidencia.

Pedro Rascado, membro do comité clínico, asegura: "Hai que facer as probas e ir aos cribados; non podemos quedar na casa se nos chaman, temos que diagnosticar todos os casos posibles".

"Non custa nada facer test, e podemos evitar moitas consecuencias"; "Hai que vir por prevención, saber os contaxios que realmente hai e tomar medidas oportunas", din dous dos mozos que participan nunha destas probas.

En Carballo tomaron nota da importancia de acudir aos cribados, pero houbo lugares onde non se presentaron nin o 20 % dos citados. A todos eles, os expertos piden responsabilidade, porque están a poñerse en perigo eles e todos os que os rodean.

Pilar Farjas, tamén membro do comité clínico, asegura: "Estamos atopando que volven aparecer casos en persoas vacinadas,  persoal sanitario, algunha residencia de maiores, porque o virus circula masivamente na mocidade".

Canto máis circule o virus, máis risco hai de que medren as complicacións e as hospitalizacións, das que ningún sector de idade está libre, vacinado ou non. Non leva nin un minuto saír de dúbidas e ser parte da solución dunha pandemia que, malia ter uns protagonistas máis novos, está lonxe de rematar.

Noticias web

14/07/2021