CRTVG

Buscar

Os EUA demandan a Facebook por violar as normas antimonopolio

Publicado o 09/12/2020 22:35
Os EUA demandan a Facebook por violar as normas antimonopolio

As autoridades de 48 estados e o Goberno estadounidenses demandaron este mércores a Facebook por supostamente violar normas en favor da libre competencia e co obxectivo de terminar co seu "monopolio ilegal".

Practicamente en paralelo, a Comisión Federal do Comercio (FTC, polas súas siglas en inglés) e os fiscais xerais de 48 estados deron a coñecer senllas accións xudiciais contra a compañía que dirixe Mark Zuckerberg. Ambas acusan a Facebook de adquirir de forma ilegal competidores como Instagram ou WhatsApp e privar desta forma os consumidores dos beneficios dun mercado competitivo e de mellores proteccións de privacidade.

Entre as medidas que buscan destaca a posibilidade de que os tribunais forcen a Facebook a desfacerse desas dúas populares aplicacións, que comprou por miles de millóns de dólares.

Facebook respondeu este mércores ás demandas antimonopolio e dixo que ignoran os efectos que terán sobre a comunidade empresarial e os usuarios dos seus servizos.

"Tras aprobar as nosas adquisicións hai anos, agora o Goberno quere un segundo intento sen importarlle o impacto que un precedente así tería para o conxunto da comunidade empresarial ou para a xente que elixe usar os nosos produtos cada día", indicaron desde a rede social nun comunicado.

 

Noticias web

09/12/2020