CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

As autoridades de California alertan dunha situación explosiva polos incendios que deixou xa oito mortos

Publicado o 31/07/2018 15:23

Xa son oito as vítimas mortais que deixa a vaga de incendios que asolan California. A situación é especialmente dramática no norte do estado, onde o gran incendio que se orixinou o pasado día 23 arrasou centos de vivendas e obrigou a evacuar preto de 40.000 persoas.

O incendio avanza sen control polo norte de California, alentado polas temperaturas altas. As autoridades alertan de que xa non se trata dunha situación extrema, senón explosiva.

Máis de tres mil bombeiros tratan de controlar este gran incendio que se orixinou hai unha semana preto da localidade de Reeding, polo erro mecánico dun coche.

Case corenta mil persoas tiveron que ser evacuadas das súas casas e moitas delas permanecen en albergues improvisados polas autoridades californianas.

Ademais calcúlase que o lume arrasou máis de corenta mil hectáreas e estragou case por completo máis de 700 vivendas.

Pero ademais deste gran incendio de Reeding, hai outros dezaseis incendios por todo o estado e que deixaron oito vítimas mortais, entre as que hai dous nenos de catro e cinco anos. Máis de doce mil bombeiros están mobilizados e a ales uníronse nos labores de extinción outros 800 membros da Garda Nacional de California.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí