CRTVG

Buscar

As autonomías van recibir 10.500 millóns en 2021 do Plan de recuperación

Publicado o 30/07/2021 21:12

• O Goberno di que a Conferencia de Presidentes cumpriu coas expectativas

Os presidentes do PP critican o formato da reunión e a falta de claridade na repartición dos fondos

Rematou en Salamanca a Conferencia de Presidentes Autonómicos, convocada de maneira extraordinaria para afrontar a crise do coronavirus. Unha xuntanza que segundo o Goberno cumpriu coas expectativas, pero coa que foron moi críticos os presidentes do Partido Popular, polo formato da reunión, e pola falta de claridade no criterio de repartición dos fondos de recuperación. O presidente do Goberno propuxo que as comunidades autónomas xestionen o 55% deses fondos, e tamén anunciou a chegada de 3,4 millóns de doses adicionais da vacina. 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este venres que as comunidades autónomas recibirán en 2021 un total de 10.500 millóns de euros do Plan de recuperación.

Sánchez informou desta cifra na súa intervención, a porta pechada, no plenario da Conferencia de Presidentes que se celebra en Salamanca.

Fontes do Executivo sinalaron que eses 10.500 millóns de euros supoñen que as comunidades van xestionar o 55,5 % dos 19.036 millóns que España vai recibir da Comisión Europea en 2021 e o 43 % dos 24.197 millóns orzados este ano.

En relación co reto demográfico, outro dos temas que se están abordando na Conferencia, Sánchez adiantou a activación dun plan vivo de 10.000 millóns de euros para dar cumprimento ás 130 medidas expostas polo Executivo.

En apenas tres meses, dixo, xa se iniciaron tres de cada catro medidas e comprometeuse unha cantidade superior aos 3.000 millóns de euros.

O xefe do Goberno pediu aos presidentes autonómicos a aliñación dos plans das comunidades ao Acordo de Asociación España-UE mediante cooperación e colaboración e gobernos locais.

Noticias web

30/07/2021